jueves, abril 24, 2008

MÚSICA PARA PLANTAS



Este venres 25 de abril, ás 20.00, a música tradicional galega chega ás salas do MARCO da man do gaiteiro Evaristo Alejos 'Alex' e de Luis Correa 'O Caruncho' (zanfona e percusión)
Un novo concerto da serie MÚSICA PARA PLANTAS, que terá lugar nas salas de exposición do 1º andar, no invernadoiro do artista Peter Coffin (exposición PARAÍSOS INDÓMITOS)
Gracias como sempre pola vosa colaboración na difusión desta actividade, e un cordial saúdo.

Evaristo Alejos Magallanes ‘Alex’ empezou a interesarse polo instrumento da gaita galega no ano 1988 a través de Manuel Solla, compoñente do histórico grupo “Os Cruceiros”. En 1994 é membro fundador da banda de gaitas “Nevoeira” do Círculo Cultural de Candeán, dirixida por Ernesto Campos. Nese tempo, participa como gaiteiro da Rondalla do mesmo centro acadando varios premios nos concursos de rondallas da cidade de Vigo. Gaiteiro do grupo “Lembranzas galegas” (2002), dos grupos tradicionais “Os Folieiros de Lavadores” e “Os Tunantes”, e membro fundador do grupo de música tradicional “Os Crótalos”. Actualmente imparte clases de gaita e percusión en varios centros culturais de Vigo e arredores, e colabora como músico na representación da Festa da Reconquista e Os Maios de Vigo.

Luis Correa ‘O Caruncho’ iníciase na aprendizaxe da gaita galega en 1989, da man de Maximino Souto Vaqueiro. Foi fundador dos grupos “Millaradas” e “Os Carunchos”, e con estes últimos grabou os discos ‘Ala que vai’ (1998), ‘Sen tempo non era’ (2002) e ‘Montealegre’ (2005). Participa na recuperación activa da Regueifa galega facendo espectáculos en directo, e fundamentalmente obradoiros nos centros de ensino. En 1997 interésase pola zanfona e aprende a tocar asesorado por Xosé Manuel Fernández e Mª Xosé López, membros do grupo “Músicas”, impartindo actualmente clases deste instrumento. Participa en varios proxectos didácticos para escolares por toda Galicia. Colabora cos grupos “Os Folieiros de Lavadores” e “Zurrumalla”, e actualmente é membro fundador dunha nova proposta tradicional, “Os Crótalos”. Actualmente está inmerso na elaboración do cuarto disco de “Os Carunchos”, traballo que compaxina coa impartición de aulas de música e canto tradicional.


No hay comentarios: