Coma na casa. Relatos creativos sobre o fogar expandido
Inauguración: sábado, 13 de xuño, ás 20.00 h.
De martes a domingo, visitas guiadas ás 11, 12:30, 16:30 e 18 h. Luns pechado.
Entrada gratuíta
Museo Pazo de Tor San Xoán de Tor
27591 Monforte de Lemos (Lugo)
Tfno.: 982 165 534 / pazodetor@museolugo.org
ARTISTAS
Os creadores e as creadoras participantes na mostra son de distintas xeracións e distintas disciplinas, algúns deles teñen traballado sobre o tema do íntimo e a outros preséntaselles a ocasión como un reto na procura de novos significados e realidades. O conxunto de obra trátase de pezas existentes, pertencentes a coleccións públicas e dos/as artistas.
ANXOS SUMAI, MÓNICA ALONSO, MARTA BRAN, JACOBO BUGARÍN, MÓNICA CABO, BOSCO CARIDE, CLARA CERVIÑO, ANDREA COSTAS, DAVID CRESPO FERNÁNDEZ, VICTORIA DIEHL, ALBA FANDIÑO, TAMARA FEIJOO, AMAYA GONZÁLEZ REYES, EMILIA GUIMERANS, BEATRIZ LOBO, HUGO LÓPEZ AYUSO, MARTA LLORIA, CHELO MATESANZ, CRISTINA RAMÍREZ, MONTSE REGO, JUAN CARLOS ROMÁN, MANUEL DE LA ROSA, EDUARDO VALIÑA, JORGE VARELA, XOSÉ VILAMOURE .
Coma na casa. Relatos creativos sobre o fogar expandido
A realidade histórica e simbólica do Pazo de Tor constitúe o lugar ideal para deseñar e desenvolver unha exposición sobre unha tendencia seminal da arte contemporánea: investigar o pasado para entender mellor o presente. Observar, interpretar e afondar nos distintos niveis conceptuais e físicos dun lugar para tratar de abordar cuestións pretéritas que adormecen no noso imaxinario, pero que espertan e se activan ao entrar nun lugar tan especial como é o caso desta casa fidalga.
A exposición formula preguntas sobre as distintas capas que compoñen a existencia do Pazo de Tor, presentando distintos relatos en torno á visión da nosa propia historia e á historia do noso pasado, botando man dun catálogo de cuestións que lle atinxen á intimidade do ser humano, á esfera privada da humanidade, para pensalas en clave de futuro; posibilidades creativas vinculadas a un lugar concreto.
O título da mostra Coma na casa, persegue activar un dobre xogo sobre o que de positivo ten aquilo relacionado co refuxio e a construción (estar como na casa), pero tamén ilustrar un retrato dos cambios sufridos, do que ten de envés esa realidade. Vinte e catro artistas visuais, fiados a esta Casa mediante a escrita de Anxos Sumai, responderán á permanencia ou transformación de cuestións universais acerca do particular como: o medo, o sexo, a soidade, o amor, o azar, o desexo, o poder, a curiosidade, a violencia, o destino, o tempo e a familia, entre outras cuestións, mediante a intervención e convivencia das súas obras cos distintos obxectos, espazos, arquitectura e, incluso, coa propia musealización do Pazo, executadas coa intención do diálogo, da análise e da crítica.
Un percorrido transversal nos significados, nas accións e nos xestos que acompañan ás obras, á súa montaxe e á participación do público, xogando coa ambigüidade desde o cuestionamento, a ironía, a relectura, o humor. Tamén desde a óptica do relato ficcionado da literatura de Anxos Sumai, que nalgúns casos resumirá e noutros expandirá as liñas de traballo presentadas. Algúns dos artistas signifícanse no lugar mediante obras que exploran desde o presente; outros, en cambio, fano desde a creación de novos territorios que redistribúen tempos, símbolos e incluso rutinas. A complexidade dos discursos e as prácticas logran que a visita se faga multiplicando as lecturas e revelando artistas que non só pensan no obxecto físico senón tamén en termos de espazo, tempo e memoria, engadíndolle un relato máis á historia desta casa .
Presentadas no interior e exterior do Pazo de Tor, ben nas diferentes estancias domésticas ou ben no patio e alpendres exteriores, as obras da exposición foron cedidas xenerosamente polos e polas artistas así como polas súas galerías, se ben, nalgúns casos, a implicación foi máis activa coa proxección ex profeso de instalacións, intervencións, debuxos, textos e obxectos, que, moitas veces, buscan incorporar elementos, discursos e axentes da propia casa.
Esta exposición é un convite ao público do Pazo de Tor, que agudice a vista máis alá do presentado e pautado na casa, alimentando a curiosidade por atopar o pasado solapado polo presente e o futuro, como unha acumulación incesante de novas experiencias, en continua expansión.
Chus Martínez Domínguez, comisaria da exposición
No hay comentarios:
Publicar un comentario