O vindeiro xoves, 11 de outubro, a Fundación Laxeiro inaugura a exposición titulada Niebla do artista Din Matamoro (Vigo, 1958), dentro do ciclo Entre mares que posibilita un intercambio anual de propostas mediterráneas e atlánticas entre Collblanc, Espai d’art de Castelló e a Fundación Laxeiro de Vigo.
Niebla é o título elixido polo pintor galego para este proxecto, unha exposición composta na súa totalidade por acrílicos sobre lenzo. A néboa funciona como elemento unificador deste conxunto de obras que profundan na investigación que o artista leva realizando nos últimos anos sobre as posibilidades da captación da luz, entendida como esencia da cor. Unha liña de traballo que se sitúa no aspecto máis inmaterial da linguaxe pictórica.
O PROXECTO
S. T. 2012. Acrílico sobre lenzo. 140 x 140 cm.
A idea da néboa é utilizada para articular un proxecto expositivo formado por lenzos que, nun primeiro momento, poden parecer monocromos para, nunha mirada máis detida, descubrirnos cores ocultas que xorden detrás da néboa, facéndose cada vez máis presentes, nun xogo perceptivo que o artista consegue grazas ao seu dominio maxistral do cromatismo e unha depurada técnica persoal, produto de longos anos de investigación.
Observar estas pinturas convértese así nunha interesante experiencia visual que necesita da fixación da mirada para entrar nos límites da percepción óptica. Niebla é, por tanto, unha chamada á observación lenta. Unha reivindicación do tempo da mirada que o artista defende nunha época como a actual, na que toda mirada está marcada por un ritmo frenético que parece negar a experiencia da observación, tan ligada historicamente á pintura.
Cunha montaxe austera, Niebla integra o espazo como elemento catalizador dese tempo da mirada, incidindo así na importancia da observación calada e reflexiva que nos convida a un diálogo individual coa obra no que a experiencia visual, totalmente dinámica na progresión da percepción cromática, iranos levando dunha peza a outra e, en cada unha delas, dunha néboa inicial, ao descubrimento dun amplo repertorio de cores, percibidos como diferentes momentos de intensidade lumínica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario