viernes, noviembre 05, 2010

LAXEIRO, ESCRITOS,pensamentos,recordos e relatos.


LAXEIRO, ESCRITOS Pensamentos, recordos e relatos

FUNDACIÓN LAXEIRO. Inauguración: venres, 5 de novembro 5 de novembro 2010 – 30 de xaneiro 2011

Patrocina: Deputación de Pontevedra Colabora: Pinturas Proa

A Fundación Laxeiro presenta por primeira vez unha escolma de escritos inéditos de Laxeiro. Un avance do que será un libro de próxima publicación, no que se recopilan un total de 200 textos de Laxeiro, a maior parte deles inéditos, a partir dos que se constrúe o pensamento do artista, seguindo un fío condutor que se artella segundo a seguinte estrutura:

• • •

Textos poéticos Relatos e recordos Soños

Diarios e reflexións Textos sobre arte Relatorios e pregóns.

Laxeiro non foi escritor, nin sequera se distinguiu por ser un artista cun sólido pensamento teórico, documentado en publicacións, xornais ou ensaios, como si acontece con outros creadores plásticos da súa xeración, como Luis Seoane ou Antonio Saura.

Laxeiro foi un pintor de acción, un artista que afrontou a construción da súa estética desde a inmediatez, en perfecta coherencia entre a súa obra e a súa vida. O Atlantismo, tantas veces invocado cando se fala da Vangarda Histórica Galega, ten en Laxeiro unha materialización case canónica, ao producir unha obra de factura rápida, aparentemente non reflexiva que, como acontece con toda a tradición expresionista, é producida desde a pulsión creativa; un ámbito no que a palabra, como ferramenta de sistematización do pensamento, dificilmente ten cabida.

Mais, como saben as persoas que o coñeceron, esta falta de sistematización das súas ideas, esta carencia da expresión pública do seu pensamento, non implica que non a tivese, senón, simplemente, que utilizaba a linguaxe plástica para a súa expresión.

Os escritos que presentamos nesta exposición supoñen non só unha proba evidente do seu pensamento, senón que ademais descobren un talento literario que nace do eu máis íntimo, desde o que compón minúsculos poemas en prosa, pequenos relatos fantásticos, recordos ficcionados da súa nenez e arengas inflamables sobre o seu posicionamento estético.

Por todo isto, os seus escritos supoñen un achegamento novo aos mundos de Laxeiro; neste caso, non con imaxes, senón mediante a forza da palabra.


fundación laxeiro

No hay comentarios: